Día grande do Naturalismo Galego

Despois de tantos anos con este espazo cerrado, non se me ocorre mellor momento para retomalo que un día tan destacado como o de hoxe, 9 de Marzo, primeiro día do naturalismo galego. 

Ós poucos irase actualizando,  correxindo e ampliando contidos que están en construcción nesta web. Vamos ala! 

Corría un 28 de xaneiro do 2011 cando o blog Cousas do Norte comezaba a súa andaina. Nacía na sala de informática do IES de Arzúa, no que estaba a estudar un ciclo superior de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, e coa idea de dar a coñecer o patrimonio ambiental do concello de Mañón.

A idea xurdía despois de descubrir un blog que me marabillara, ao Noroeste do Noroeste, non era só o que decía senón como o decía e o orgullo pola natureza da súa contorna que transmitía, aqueles VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV eran insuperables!, eu quería facer algo así sobre o meu terruño!

Coa confianza e certeza de que pouca xente me ía ler, lanceime e desafiei o meu medo escénico cunha primeira entrada, na que me presentaba e facía unha declaración de intencións.

Ese mesmo día pola noite chegaba o primeiro comentario no blog, e sorpresa, por algún tipo de bruxería descoñecida a mensaxe estaba firmada por Rafael López Loureiro, autor do blog ao Noroeste do Noroeste! Pero como chegou a noticia do blog a este home?…pois naide sabe a ilusión que me fixo aquel primeiro comentario do autor do blogue que usara como referencia para crear o meu…nin o propio Rafa.

O mellor de todo é que aquel día pasei de ter un blog de referencia a ter tamén un amigo e un mestre, e non só en temas do naturalismo, porque un paseo con Rafa vai moito máis alá de ver bichería. Rafa é un naturalista feito, un escritor, un estudioso e un artista, que tanto o podemos atopar tirado no cantil da Capelada fotografiando unha flor, como nunha mesa ateigada de papeis de sabe dios que arquivo no que anda a traballar.

Aqui chufando do premio do IV ollar de Seoane. unha fermosa unidade didáctica naturalista que Rafa entregaba como premio do seu concurso “Ollar de Seoane”

Dende o 2022 Rafa foi debullando no seu blogue  Ao Noroeste do Noroeste parte da vida e obra do que dende hoxe será o noso patrón, Frei Martín Sarmiento. Rafa foinos amosando transcripcións de moitos textos inéditos, ensinounos como aquel frade falaba da importancia dos estudios naturalistas, dos cabalos bergantiños, do bidueyro, do loberno, da Uva ursi, dos amorodos… infinidade de textos, disercións, estudos e pensares espallados nunha obra inmensa e apenas publicada, que pon de manifesto  porque Rafa porfiou en que Sarmiento é o pioneiro dos estudios naturalistas do país, e reclamou  de toda a sociedade o recoñecemento e a celebración do seu natalicio, o 9 de Marzo, como o día grande do naturalismo galego.

 

Só alguén como Rafa podía facer algo impensable, que tódalas asociacións conservacionistas e ecoloxistas galegas, o consello da cultura galega, a real academia galega, a real academia das ciencias de Galicia, ducias de asociacións de toda clase e centos de persoeiros públicos e anónimos quedaran engaiolados da figura de Sarmiento , acolleran e reconoceran de bo grado a celebración no seu natalicio, como día grande para o naturalismo galego.

Alguen viu algunha vez na Galicia das pequenas parcelas tal acordo entre as entidades naturalistas, culturais, científicas? Ogallá este só sexa o xermolo de todo o bo que podemos facer en tirando todos do mesmo carro.

Hoxe, día 9 de Marzo, temos por fin algo que @s naturalistas galeg@s non contábamos ter nunca, un día propio, un día no que reinvindicar a importancia do naturalismo, un día no que ter un altofalante pra denunciar públicamente as agresión ambientais ás que continuamente se ven somentendo á nosa terra, un día tamén para recordarlles ós xóvenes as marabillas da natureza que aínda nos quedan, e que así poidan medrar cunha pinga de bo facer neste eido, porque a rapazada será a que tome as decisións no futuro, e fai moita falla que esas decisións sexan mellores que as das xeracións pasadas e presentes.

Hoxe reclamamos, da mesma maneira que o fixera Sarmiento hai máis de 300 anos, a importancia de incluir o estudio naturalista nos currículos escolares.

Dende logo temos moito que agradecer a Sarmiento, e se hoxe lle podemos facer unha pouca xustiza e disfrutar de moita da súa obra no eido naturalista é grazas a Rafael Lopez Loureiro.

 

Moitísimas grazas por tanto Rafa.

 

No blogue de Rafa podedes afondar na figura de Sarmiento, disfrutadeo.

https://costaartabra.blogspot.com/2022/11/frei-martino-ese-noso-padrino.html

 

Sen moito máis que engadir, despídome polo momento.

 

 

2 Comentarios

  • Honrado de ser o primeiro comentador: esta nin a deixo pasar. As loubas agradécense por vir dun amigo e compañeiro, pero son ben esaxeradas ao meu ver. Fago o que podo por botar unha mão a esa tarefa de salvaguardar o patrimônio natural, tan maltratado por tantos e tantos. Sarmiento ben merece o que podamos facer pra dar a coñecer a un galego xenial, senon o mais xenial de todos. Canto me aleda ver que este blogue volve a vida!!!! A darnos vida e a sabermos da vida. Ledo coma un cativiño por volver a velo vivo e activo. Agradecido por esa fermosa foto na Capelada. Que lembranzas!!! Canto choveu!!! As patillas aínda non encetaran a medrar!!! Meu amigo benvido de novo só mundo bital. Vémonos no monte!!!! Rafa

    • Opa Rafa! Nada de esaxerado, ben sei que non eres de loubas, pero é o xusto con quen tanto fixo e fai.
      Graciñas polos ánimos, tentarei ir dando xeito a esta páxina, teño moito atrasado por contar.
      Logo toca un paseiño polos teus territorios, que van chegando os calores, por alí nos veremos.
      Forte aperta Rafa.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog