Estaca de Bares parte 1 . Historia e características

A día de hoxe todo o mundo coñece a Estaca de Bares como un referente europeo e incluso mundial na observación de aves mariñas. Este cabo e toda a súa contorna contan con todas as proteccións medioambientais destinadas a este tipo de lugares. É zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), zona ZEC (Zona de Especial Conservación), IBA (Important Bird Area) e Sitio Natural de Interés Nacional.

Aínda que non está ligada ás aves mariñas, cómpre dicir que a primeira noticia que temos da Estaca de Bares como lugar de interese ambiental xorde no ano 1933, data na que se inclúe unha pequena área deste cabo como Sitio Natural de Interés Nacional. Esta figura, impulsada por Eduardo Hernández-Pacheco, nacía por Real Decreto no ano 1927 e pretendía mostrar a ampla variedade de hábitats presentes na península ibérica.

Para falar estrictamente do interese ornitolóxico da zona temos que avanzar no tempo ata o ano 1954. Neste ano, entre o 6 e o 9 de outubro os británicos Owen, Snow e Moreau realizan un periplo pola costa norte ibérica, recalando na estaca de Bares e observando, entre outras cousas, un espectacular paso de 6000 pentumeiros comúns, Melanita nigra (un pato Mariño), en tan só 2 horas.

Tras este episodio, terían que pasar 10 anos para que un matrimonio de británicos, R.G. e E.M. Pettit, recalaran de novo na Estaca entre os días 4 e 8 do mes de setembro. R.G.Pettit é quen realiza o primeiro análise do paso de aves pola Estaca de Bares.

Tan só 11 días máis tarde chegarían os belgas G.Huyskens e P. Maes que permanecerán na zona 9 días. Estos publican un extenso artículo sobre o paso de aves mariñas: “La migración de aves marinas en el NW. de España”(revista Ardeola vol. especial. 1967)

Portada do artigo de Huyskens e Maes no Ardeola

Posteriormente, nas décadas dos 60 e 70, visitan a Estaca 9 equipos de ornitólogos de diferentes nacionalidades. Huyskens, que parece ser dos máis interesados no cabo, regresa nos anos 67, 68, 69, e varios anos máis ata o ano 88.

Chama a atención nesta lista de visitas ó cabo, a falta de ornitólogos galegos para cubrir o paso, pero o certo é que neses anos aínda estaban comezando as súas andainas e formándose os que serían algúns dos pioneiros da ornitoloxía galega.

Estas primeiras fornadas de ornitólogos e naturalistas galegos faríanse presentes na Estaca na década dos oitenta a raíz do artículo dos belgas Huyskens e Maes no Ardeola, chegando aficionados e estudiosos galegos de grupos como a Sociedade Galega de Historia Natural (S.G.H.N) o grupo naturalista Habitat ou o grupo Erva.

Censando o paso na Estaca dende no interior dun muíño de auga a finais dos 70. (Fot. Andres Bermejo)

De esquerda a dereita: José Guitian, Zenón López Beiras e José Canalsas. Finais dos 70. (Fot. Andrés Bermejo)

En outubro de 1988 créase na estaca de Bares o que sería o primeiro observatorio de aves mariñas en España, facilitando así o traballo do crecente número de ornitólogos que cada verán-outono chegaban ata o cabo.

Xa no ano 97 os daneses Kim Duus e Mai-Britt permanecen na Estaca durante 76 xornadas seguidas, moitas delas compartidas co que por aquel entonces era un xove ornitólogo galego, Antonio Sandoval Rey. Froito desta simbiose galaico-danesa nace o primeiro traballo que cobre máis de 2 meses de paso diario frente o cabo.

Entre os anos 2000 e 2005 a “Asociación de amigos da estación ornitolóxica de Estaca de Bares” realiza a labor de censo no cabo, intensificando o esforzo para cubrir ademáis do verán-outono partes do inverno e da primavera.

Entre os anos 2007 e 2008 por primeira vez un ornitólogo, Ricardo Hevia, realiza parte da súa labor no cabo de forma profesional por medio dun contrato coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Ás 152 xornadas de censo súmase o esforzo dos voluntarios, entre os que se inclúe tamén o propio Ricardo Hevia, e realízase deste xeito a mellor cobertura dun ciclo anual ata esta data no cabo.

No ano 2011 a Xunta de Galicia retira o apoio ó estudio de aves na Estaca de Bares polo que o censo volve a recaer soamente sobre o voluntariado, creando un sesgo na información ó non cubrirse algunhas datas.

Actualmente o peso do censo de aves mariñas na Estaca de Bares realízase de forma voluntaria por parte dun grupo de ornitólogos chegados de Madrid, A Coruña, Ferrol, Cariño, O Barqueiro e Asturias.

Integrantes do grupo que censa actualmente na Estaca. De esquerda a dereita: David Martínez Lago, Alfonso Valderas, Daniel López Velasco, Ricardo Hevia, Pablo Pita, Pablo Gutiérrez, Antonio Sandoval e Antonio Martínez Pernas. (fot: Antonio Gutiérrez.)

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog