Orquideas parte 1: introducción a un grupo fascinante

Nesta nova entrada vamos a ir mergullándonos no apaixoante mundo das orquídeas, e digo apaixoante porque, como veremos en vindeiras entradas, é un mundo cheo de controversias, no que non todo o mundo concorda. Pero non hai que desesperar, da sana discusión xorde case todo o coñecemento.

Comecemos polas primeiras referencias escritas, que se remontan século IV a.C cando o filósofo e naturalista grego Teofrasto escribía o primeiro tratado sistemático de botánica farmacolóxica,«De historia plantarum».

Nel describe unhas prantas con dous tubérculos redondeados na base das raíces. Debido ó seu parecido cunhos testículos decide que órkhis (testículos en grego) será o nome que lle porá a unha das familias máis apaixoantes do mundo vexetal..

Tal vez poidamos considerar a Teofrasto como primeiro naturalista xa que é el quen  endereita o liceo grego cara as ciencias naturais con obras como Historia das plantas (Perì phyt ôn historía) ou Sobre a orixe das prantas (Perì phytôn aitíai). Como é lóxico aquel naturalismo primixenio centra os seus traballos e intereses nos usos mediciñais e culinarios das especies. Teofrasto refírese ás orquideas desta maneira: “Esta planta posee dous tubérculos, un grande e outro pequeno. O grande, administrado con leite de cabra apacentada no monte, aumenta, segundo se di, o vigor para realizar o coito; o menor debilitao e cohibe…”

 

 

 

 

 

Nesta mesma liña pero xa no século I,  Dioscórides (ciruxán de Nerón) escribe no seu libro “De Materia médica”:

“Cóntase sobre ela que a ráiz maior comida por un home, fai que se enxendre un varón, mentres que a menor comida por unha muller fai enxendrar unha muller. Cóntase ademáis que as mulleres de Tesalia beben o xermolo tenro con leite de cabra para provocar o desexo sexual, mentres que o seco serve para a contención e disminución do desexo sexual. Se un bebe dun anulanse os efectos do outro. Medra en lugares pedregosos e arenosos.” https://dioscorides.usal.es/p2.php?numero=533

Tamén fala de outros moitos remedios con orquídeas para curar inflamacións, dores de estómago, chagas bucais... https://dioscorides.usal.es/p2.php?numero=534  

Todas estas crenzas sobre as orquídeas como afrodisíaco perduraron durante séculos, o que  puido propiciar que a propia Iglesia Católica comezara a considerar as orquídeas como o alimento do demo e a decir que as orquídeas impulsaban ao home os excesos. Xa no 1539 o botánico aleman  Hieronynus Bock no seu tratado Tragus  e posteriormente no 1665 o xesuita Athanasius Kirchen no seu libro “Mundos Subterraneus”  afirmaban que as orquídeas non producían sementes e que as plantas brotaban do semen perdido na cópula dos mamíferos.

 

Species Plantarum. Fonte: Biblioteca dixital csic.

Por fin no 1737, O sueco Carl Nilsson Linnæus, pai da nomenclatura binomial actual, rescata as orquídeas do mundo da superstición, gracias a obras como Species plantarum ou  “Genera Plantarum nas que describe diferentes prantas, e entre elas as orquídeas, e fala delas para referirse a aspectos non mediciñais, senón por consideracións botánicas que posibilitasen ordenalas según esa nova nomenclatura que estaba a crear. Di en Genera plantarum: “as súas flores aseméllanse tanto a moscas, que un lego na materia  ó velas creería que se trata efectivamente de dúas ou tres moscas instaladas no talo” Facendo clara referencia as orquídeas do xénero ophrys, moi estendidas por Europa e que teñen unhas flores que imitan a diferentes himenópteros.

 

 

 

Recén rescatadas as orquídeas europeas do mundo das supersticións, comezaría a época negra para outro tipo de orquídeas, as tropicais. Dise que a primeira orquídea do Novo Mundo en florecer en Europa foi un exemplar de Bletia verecunda da colección do almirante inglés Charles Wager, que a conseguira no xardín botánico de Chelsea. A planta fora enviada dende as Bahamas a Inglaterra en 1733.

Neste momento, o que ata daquela fora unha especialidade para botánicos, convertiuse nunha tola moda coleccionista entre a nobleza europea. En pouco tempo estendeuse o seu cultivo entre as clases acomodadas, as familias máis puxantes da época comezan a montar caros orquidiarios calefactados nos que coleccionar toda clase de orquídeas tropicais, pasando a ser estes un símbolo do seu estatus e puxanza económica. Cada floración xeraba gran expectación e repercusión, incluso nos medios escritos da época. Como mostra deste interese, algunhas orquídeas acadaron nesos anos o desorbitado prezo de 3000 libras esterlinas (Hirtz 2004, Rigby 2005, Godaunu 2010) o que serían uns 60.000 euros actuais. O elevado prezo que acadaban as orquídeas animou a un gran número de mercaderes e saqueadores que partían de Europa en longas e perigosas expedicións na búsqueda dos exemplares máis raros e exóticos. Nestos anos fixéronse grandes fortunas entre aqueles expedicionarios que tiñan éxito. Por desgracia, nesta avaricia sen medida, deixaron zonas totalmente esnaquizadas para evitar que os competidores poideran facerse coas orquídeas máis exclusivas e milleiros de árbores talados para recolectar as orquídeas que medraban sobre eles. Moitas especies quedaron ó borde da extinción.

 

 

Un dos máis célebres cazadores de orquídeas da época, Albert Millican, decía isto no seu libro “Travels and Adventures of an Orchid Hunter” referíndose aos cantís da “Mesa de los Santos”, no Estado de Santander (Colobia).

“nos nichos deses precipicios, onde fan os seus niños as aguias e cóndores, a fermosa Caltleya Mendelii medrou en cantidade por tempos inmemoriais. Pero estas alturas vertixinosas non ofreceron obstáculo ó afán de botín dos cazadores de prantas. Con cordas baixaron os seus axudantes nativos, e con cordas subiron as matas, por miles e miles, e cando fixen a miña visita, todo o que puiden ver da súa antiga beleza e riqueza foi algún que outro desarraigado bulbo colgando no aire dalgún punto solamente accesible para as orquídeas”

 

 

Édouard-François André (1840-1911) / Édouard Riou (1833-1900)Recolección de Schomburgkia. 1878, grabado sobre papel, Le Tour du Monde © Marta Ayerbe

 

Xa no século XIX no medio desta desenfreada obsesión polas orquídeas tropicais entraría en escea nada menos que o gran Charles Robert Darwin, pai da teoría da bioloxía evolutiva. Unha vez rematada a súa obra mestra Sobre a orixe das especies por medio da selección natural, ou a preservación das razas favorecidas na loita pola vida”  Entregaríase en corpo e alma ás orquídeas. Pretendía desta maneira, demostrar naquela sociedade eminentemente creacionista, que incluso esas plantas tan extraordinarias consideradas por moitos como a obra máis sublime e directa da man de Deus,  podían explicarse como o resultado dunha maravillosa suma de adaptacións evolutivas. Desta maneira publicaría no 1862 o seu libro “os varios inxenios mediante os cales as orquídeas británicas e foráneas son fecundadas por insectos”, libro que hoxe coñecemos como a fecundación das orquídeas.

 

Darwin, mantiña unha importante “guerra” cos teólogos naturalistas, inamobibles na súa idea creacionista, e aproveitaba as súas publicacións para mandarlles algunha que outra pitada, dicía en a fecundación das orquídeas:

“nun futuro non moi lonxano, os naturalistas escoitarán con sorpresa, quizais con mofa, que en tempos anteriores homes serios e cultivados, mantiveron que estos órganos (….) foron especialmente creados e dispostos no seu lugar axeitado como platos nunha mesa por unha man omnipotente para “completar o esquema da naturaleza”

Tiraba con bala que diríamos agora…

Darwin recibía orquídeas de todo o mundo e repasaba todas as especies autóctonas que medraban preto da súa casa en Down. Estaba totalmente entusiasmado coas “estrataxemas” que as diferentes especies usaban para poder ser fecundadas, e convencido de que este novo estudio non faría outra cousa que reforzar aínda máis a súa anterior publicación.

 

 

 

 

Lámina: a fecundación das orquídeas Fonte: Darwin online  http://darwin-online.org.uk/content/frameset?pageseq=8&itemID=F800&viewtype=side

 

 

 

Xa a comezos do século XX o alto custo de manter os invernadoiros calefactados nun contexto económico complexo, fixo que esta actividade se fora abandonando, quedando todo en mans da industria, que comezou a reproducir especies e crear diferentes híbridos ata chegar as aproximadamente 60.000 variedades que hoxe podemos ver amontoadas en floristerías, agroshops,  viveiros etc.

As especies que aparecen á venda foron reproducidas ou creadas a partir de especies de climas tropicais e son en gran medida orquídeas epifitas, isto quer decir, que viven pousadas sobre árbores, sobre os que medran as raíces sen necesidade algunha dun substrato que as alimente.

Pero isto xa se adentra noutro mundo, e aínda que as especies silvestres tropicais son maravillosas, nesta serie de publicacións imos a ir endereitándonos cara as especies europeas, xa que, como poidéchedes leer, en  Europa tamén temos orquídeas autóctonas, pero neste caso son todas orquídeas terrestres. Destas orquídeas europeas, e en concreto as que medran máis preto de nós, son das que falaremos nunha próxima entrada, así que aquí o deixamos polo momento.

Sen moito máis que engadir despídome polo momento. Moitísimas gracias por me ler.

Algúns enlaces que poden ser de interese sobre este tema:

https://www.revistacredencial.com/historia/temas/las-orquideas-colombianas-en-europa-en-el-siglo-xix-entre-la-ciencia-y-el-comercio

https://bibdigital.rjb.csic.es/records/item/10289-species-plantarum-editio-secunda

Orchid biology: from Linnaeus via Darwin to the 21st century, Fay, M., Chase, M.W, Annals of Botany 104: 359-364, 2009.

On the various contrivances by which British and foreign orchids are fertilised by insects, and on the good effects of
intercrossing. (1862)

https://historiayregion.blogspot.com/2020/04/los-cazadores-de-orquideas.html

https://lasorquideascolombianas.blogspot.com/2008/09/alber-millican-el-cazador-de-orqudeas.html

4 Comentarios

  • Estupendo artigo, moitas grazas, aprendín moito.

    • Graciñas Belén, alégrome moito de que che gustara e che fora útil.
      Apertas!

  • Moi bo Toñito!!! Gustazo ler este artigo!!!A seguir así!!!

    • Graciñas Rafa! tentaremos ir sacando tempo para ir publicando cousiñas!

      Aperta grande.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog