Neste enlace, o estudio de etnografía para a Historia de Galicia, Vicente Risco fala do que podería ser este primeiro punto de partida na relación entre as serpes e o noso pobo.
Premer e abrir a páxina 15 Historia de Galicia(Risco)
Outras teorías non desbotan a posibilidade de que tal culto fora autóctono e polo tanto anterior a chegada dos celtas, teoría esta, defendida polos portugueses Dr. Mendes Correa en Vestigios do culto da serpente(ofiolatría) na pre-historia lusitánica e o erudito Bethencourt Ferreira na súa obra Le serpent, toten dans la lusitanie proto-historique. Estes dous estudiosos basanse na aparición de liñas sinuosas ou espiraliformes en chantas dolménicas e pedras insculturadas na península, Bretaña e Irlanda. Teoría esta, dende logo non desbotada polos galegos Florentino L. Cuevillas e Fermín Bouza Brey no seu libroOs Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza.Como proba do ancestral culto a estes animais quedaron espallados por Galicia e Portugal numerosos petroglifos, velaiqui uns enlaces a algúns deles.
Penedo do Cobrão.Portugal
Pedra da Serpe. Castro de Penalba (Campo Lameiro). Pedra da serpe
Pedra da serpe de Valga.
Petroglifo Pedra da Serpe, Castro da Troña.
“A postura do reptil foi escollida seguramente de propósito pra prestarlle o máximun de aparenza e de gallardía. Plantado no centro da cara aplainada da penada, érguese apoiándose no medio do corpo, ca cauda erecta e a cabeza no outo, como si se dispuxera a defensa ou o ataque. Apesares do estremado sinxelismo da execuzón, nótase que non é ista a serpe cautelosa e tentadora ou enrabechada e vencida da arte cristián. Senlleira, ergueita, semella como se quixese dar unha idea do seu poder e da sua forza”.(López Cuevillas y Bouza Brey en Os oestrimnios, os saefes ea ofioloafria en Galicia)
Cruceiro Pedra da Serpenta de Gondomil(Ponteceso)
De construcción máis recente podemos atopar na nosa terra algunha curiosa obra como poden ser:
Pila bautismal con serpe (Igrexa Parroquial de Muros)
Cruceiro de Mourente.
E como non podía ser de outra maneira, un ser mitolóxico trae trais de sí, infinidade de lendas espalladas por toda a nosa xeografía, moitas delas perdidas na menoria dos tenpos e outras xa relacionadas con crenzas máis recentes. Premendo pódense ler algunhas delas:
Lenda da cova da serpe.
Lenda do Santo Adrián.
Segredos do pazo de San Isidro de Mondoñedo.
Lenda da poza da serpe.
A serpe de Miraz.
A pena da cobra
A serpe do monte dos Castrelos
A moura da tapada do almestro
A cobra do picadoiro de Moras.
A Cova da serpe de Punxín
A serpe da regata da cruz.
A serpe de casal 1
A serpe de casal 2.
A serpe voadora de san pedro de Neiro.
A serpe que mamaba na moza.
Cobras na casa da pesquita.
A cobra do encanto.
Tamén Federico Maciñeira, na súa monografía sobre San Andrés de Teixido fai referencia ós reptís, grupo no que se incluirían as serpes: “polo camiño os romeiros coidan de non molestar nen matar ningún reptil dos que atopan, xa que estes son almas en pena que marchan tamén a cumplila romaxe”.
Ata no misteriosamente desparecido Codex Calixtinus se narra unha historia dun dragón (cobra con ás) no capítulo no que se describe a traslación do corpo de Santiago dende Padrón. Os discípulos, Teodosio y Atanasio, topan cun dragón que intenta frenar o avance da comitiva con malas artes , pero Atanasio facendo o sinal da cruz fai reventar a”cobra alada”.
O monte ata ese momento chamado “Ilicino” é rebautizado co nome do “Pico Sacro”).
CodexCalixtinus/LibroIIICapI.
Son varios os estudiosos que atopan neste pico evidencias dun antigo culto pagán e a posibilidade de que neste se asentara un santuario que visitaban as xentes para se curar de doenzas como o lume de San Antón. Dende logo non sería estrano a idea de que a serpe fora un símbolo do deus pagán que se veneraba nese monte, e de ahí esa necesidade dos discípulos do apóstolo de bendecir e rebautizar este pico para libralo do mal, posto que a xente a pesares de ter xá o cristianismo como relixión seguiría conservando antigas costumes pagás.
Case sempre vencellados a algunha lenda local aparecen por Galicia diferentes topónimos e iconos relacionados coas serpes.
Lagoa da serpe (Trevinca)
vencellado a lenda da coba da serpe temos:
Serra da Cova da Serpe pequeno cordal montañoso que serve de fronteira natural entre as provincias de A Coruña e Lugo, delimitando os concellos de Sobrado dos Monxes e Curtis (na parte coruñesa) e de Friol e Guitiriz (na lucense). Cova da serpe.
Escudo de Friol donde se escenifica a loita do cabaleiro coa serpe da cova.
Abondosos tamén son os nomes de prantas e fungos que fan referencia os nosos ofidios, algúns deles son:
Herba viboreira, (Echium vulgare): polo parecido das flores desta pranta coas víboras.
Pan de cobra ou de cóbrega: chamanse así ás macrolepiotas como clara señal de repulsa nas
zonas micófobas de Galicia.
Pendentes de cobra (Polygonatum odoratum): Supoño que pola forma das flores, pero descoñezo o porque da relación coa cobra.
Uvas de cobra(Tamus communis): Relacionada polos seus froitos venenosos.
¿Podería ser entón que sexamos descendentes dun pobo que veneraba a figura da serpe, e qué fora a cristianización destas terras a que transformou este ser nun icono do mal? Dende logo son moitos os vestixios dunha encestral ofiolatría galega que foi mudando á ofiofobia ó tempo que o cristianismo gañaba forza.
Así era que os antigos galegos a pesares de seren cristianizados seguían realizando infinidade de ritos idolatrando entre outras cousas ós numens da natureza polo que eran chamados “os paganos”. Para poñer fin a este problema nas aldeas daquela Gallaecia do ano 572, o obispo San Martín dumienseescribe o seu “catecismo” De correctione rusticorum que constaba de dúas partes, unha recordando os principais dogmas cristiáns e outra na que reprende fortemente os ritos idiolátricos dos campesiños galegos. Entre outras cousas dí: “moitos dos demos expulsados do ceo presiden no mar, nos ríos, nas fontes e nas selvas, e fanse adorar dos ignorantes como deuses”. De como foi esta transición falan López Cuevillas e Bouza Brey, ó meu parecer de maneira maxistral na súa obra anteriormente mencionada, polo que cito textualmente:
“A Galiza, terra onde a relixión dos mortos ten torgos moi fondos, non quixo matar por compreto Ôs seus abós da xentilidade. Sentíndose lonxe de iles pol-o tempo, po-los costumes e po-la fé, repunou o botalos n-un total esquecemento, e pra conservalos distantes e perto de sí a un tempo mesmo, soupo crearlles un vivir de maravilla. E presos en idéntico encanto que os vellos avós castrexos, quedaron sin dúvida os deuses, os numens e os xenios tópicos e xentilicios por iles venerados. Mais deuses, numens e xenios, pol-a sua terca vivacidade, eran veciños demasiado perigosos prâ nova fe que paseniñamente fase metendo nas concencias e asín, no canto do genius loci, púxose un discípulo do apóstolo e no canto do numen, de un manantial, soado po-las suas propiedades curativas, asentouse o corpo venerábele e un pouco recedente a máxima do noso San Cibrao, e cando tal sustituzón non se pudo practicar doadamente, a divindade anterga foi desbotada pra o inferno, ou recibíu a execrazón de propiedades demoníacas.”
Por desgraza como todos sabemos a igrexa triunfou no seu cometido e a serpe, aquel animal venerado a comezos da nosa historia, pasou a ser na actualidade un ser temido e repugnado, acumulando un sen fin de contos e ditos nos que nunca sae ben parada, a pesar de que estes carezan de sentido e rigor científico.
Sería imposible contar todas cantas historias temos ó redor das cobras, polo que elexín aquelas máis curiosas e representativas que chegaron ata os nosos días.
Unha crenza moi espallada é a de que as cobras adoecen pola leite, supoño que moita xente ten oido dos seus maiores historias de cobras chuchando a leite dos tetos das vacas ou a de non deixar o leite do gato fora da casa por que senón o bebían as cobras.
No libro “Anfibios e réptiles de Galicia” Pedro Galán e Gustavo Fernández recopilaron numerosos mitos e lendas destos animais na nosa terra ,unha delas era a crenza de que as cobras axexaban as mulleres embarazadas e que cando estas daban a luz metianselles na cama para mamar, meténdolle a punta da cola ó bebé na boca a modo de chupete para que este non chorase e despertase a nai. Na realidade é imposible que unha cobra poida chupar leite ningunha, non só por non mostrar interés ningún por este líquido senón tamén, por unha total imposibilidade anatómica.
Outra crenza que teño escoitado moitas veces é a de que as cobras teñen que deixar a bolsa de veneno na orilla dos regatos antes de se meter neles, motivo polo cal a xente ó ver unha cobra na auga remexía a orela cunha vara para estraviala, feito que provocaba que a serpe ó non atopala se retorcera ata caer morta. Por suposto outra crenza imposible.
Curiosa é a crenza que fala de que o galo negro maior de sete anos, e quen de poñer un ovo do cal sae unha serpe, se esta é vista pola señora da casa morrerá no ano, non pasando nada se quen a ve é o home.
Tamén se creía que as cobras máis vellas saianlles ás coas que ían volando ata Babilonia botando unha maldición “Pra Babilonia vou. Mália quen me veu de nova e non me matou” (Vicente Risco)
Pero dende logo a crenza máis actual e a que escoito cada verán é a de que as cobras as bota un helicóptero…
En fin así podería estar outras tres entradas lenda-conto-lenda-conto e moi poucas falarían ben da serpe, non sendo aquelas que falan da súa carne, graxa ou pel como menciña.
Bueno despois deste rollo que vos acabo de botar toca falar da realidade dos ofidios galegos, pois a triste realidade é que cobra ou víbora que aparece diante dunha persoa é cobra ou víbora morta, e isto non é máis que o resultado dunha falta de información sobre estes reptís que na maior parte dos casos son totalmente inofensivos. En Galicia podemos repartir os ofidios en dous grupos, o das cobras (culebridae) no que, exceptuando o cobregón (Malpolon monspessulanus), son todas totalmente inofensivas, non posúen veneno e a súa denticción é aglifa. O cobregón posúe dous dentes inoculadores de veneno na parte posterior-superior da mandíbula (opistoglifa), pero non ten un sistema de inxección a presión polo que nin sequera unha mordedura de 2-3 minutos tería un efecto maior ó dunha avéspora, e non creo que naide teña pensado quedar coa serpe colgando todo o día.
O outro grupo presente en Galicia sería o das víboras, estas posúen dentes ocos e un sofisticado sistema de inxección (selenoglifas). Temos dúas especies na nosa terra a víbora de seoane (Vipera seoanei) e a víbora fociñuda (Vipera latastei).
Por suposto ningunha destas serpes asexa a mulleres, nen se mete na boca dos homes, nen andan ó leite, o que fan simplemente é escapar como centellas en canto ven unha persoa, por algo será…
Dos oito ofidios que pobran Galicia tan só tres aperecen na nosa bisbarra, poida que catro se alguén me confirma a presenza da serpe riscada na zona, que anuncian algúns paneis de medio rural, aínda que non creo que esta zona sexa a ideal para a especie.
A máis común sen dúbida e a cobra de colar (Natrix natrix), sendo tamén a que ocupa zonas máis humanizadas. Os abundantes encontros desta especie co home , o seu respetable tamaño (excepcionalmente 2 m nas femias) e o seu impresionante desplegue intimidatorio colocarona no alto das peores afamadas. Este despliegue intimidatorio realizao únicamente cando se atopa sen saída, é capaz de bufar, inflarse, aplastar o corpo e a cabeza que queda con forma triangular para semellar unha víbora, realiza repetidos ataques coa cabeza envestindo sen abrir a boca, se aínda así é capturada desprende un líquido fedorento faise a morta panza arriba coa boca aberta, a lingua colgante e os ollos desorbitados para que o agresor se confíe e ó menor descuido esta poida escapar.
Agora decídeme se un animal perigoso tería necesidade de tal despliegue para se defender dos seus agresores. En moitas ocasións teño intentado que esta serpe me roera, sempre sen éxito recibindo tan só as súas envestidas pero sempre coa boca cerrada. Así é que a serpe que seguramente avivou máis lendas na nosa terra non só é dificilísimo fecer que morda, senón que aínda mordendo a súa trabada é totalmente inofensiva. Para non alargar máis esta entrada poño para os interesados máis detalles da súa bioloxía neste enlace Natrix natrix
A segunda das cobras que podemos atopar na zona é a cobra lagarteira común (Coronella austriaca), menos abundante que a especie anterior e de menor tamaño (ata 85 cm). Como o seu nome común indica na nosa terra ten unha dieta principal a base de reptís. Neste caso a súa defensa limítase a escapar e se non pode pois a bufar e adoptar forma de víbora, aínda que neste caso nunca observei este comportamento, o que sí experimentei son as súas incansables trabadas ó ser capturada que de novo son totalmente inocuas doendo aínda menos que un pequeno belisco. Deixo o enlace á bioloxía, Coronella austriaca
Dende logo non pretendo con esta entrada que naide se poña a argallar coas cobras, nen tampouco que fagamos o camiño a inversa ata chegar de novo a veneración da figura da serpe como os nosos ancestros, daríame cun canto nos dentes se a xente aprendera a respetalas e comprender que só son animais como calquer outro que poidamos atopar na natureza e que cumpren unha importantísima función ecolóxica mantendo controladas as poboacións de micromamíferos, anfibios, reptís, etc. e servindo de alimento para outros animais.
Coido que demasiadas perecen baixo as rodas dos coches sen que tamén a xente ande mallando nelas a causa dun pánico totalmente inxustificado.
Bueno pois sen moito máis que engadir despídome polo momento, moitísimas gracias por me ler.
Fora de hora: non puxen por ningún lado unha pequena aclaración e creo importante decir que canto se fala o principio da entrada son hipóteses de traballo dos autores citados, pero que por suposto algúns outros estudiosos non comparten por completo, e no único que parecen porse dacordo é na posible ofiolatría. Dito esto aproveito pra deixar unhos poucos enlaces relacionados sobre o tema.
LIBROS RALACIONADOS
Vicente Risco: Creencias gallegas (Tradiciones referentes a algunos animales).
VicenteRisco: Historia de Galicia.
José C.Bermejo Barrera: Mitología y mitos de la Hispania prerromana.
Florentino L. Cuevillas, Fermín Bouza Brey :Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza.
Antonio Fraguas y Fraguas. : La Galicia insólita. Tradiciones gallegas.
Jesus Rodriguez Lopez: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares.
Sin Comentarios
Fai o primeiro comentario.