FOCA COMÚN POLA RÍA DO BARQUEIRO

Cada ano un pequeno número de lobos mariños aparecen polas nosas costas, uns desorientados ou moribundos e outros por desgracia xa mortos, en moi poucas ocasións animais adultos e sans.

Nesta entrada as focas son as protagonistas, posto que este inverno puidemos disfrutar da presenza dun exemplar na ría do Barqueiro.

Nas nosas costas teñen aparecido cinco especies:

 

Foca anelada(Pusa hispida)

fonte: http://atlasanimal.blogspot.com
Foca barbuda (Erignathus barbatus)
Foca de capelo (Cystophora cristata)
Foca común (Phoca vitulina)
Lobo mariño cincento (Halichoerus grypus)


Esta última especie é a máis común e soe aparecer tódolos invernos por Galicia, por norma xeral exemplares cuns poucos meses que se afastan das súas colonias en movementos naturais de dispersión e ós que os ventos e correntes do golfo impiden retornar, aparecendo na nosa costa totalmente exhaustos e moi débiles, como o que este ano chegou a Punta Nariga (Malpica) e que finalmente foi rehabilitado polo persoal do CEMMA-SGHN na UCI do Museo de historia natural da SGHN, en Ferrol.

Nariga alimentándose na UCI
Sen embargo a protagonista desta entrada é unha femia adulta de foca común, moito menos habitual nas nosas costas.
Foron tres semanas as que o exemplar ficou na ría do Barqueiro, alternando na baixamar longos descansos no taro das navallas (xusto frente ó porto do Barqueiro) con periodos de pesca pola ría (entre o porto do Barqueiro e San Fiz) na que parecía centrarse na captura de crustáceos, comportamento que parece ser habitual na especie.
A foca común está presente nas costas do norte e centro do continente europeo, no sur de Groenlandia, en Islandia, e nas costas atlántica e pacífica de Norteamérica, estímase unha poboación mundial de 300.000 individuos. É unha especie que gusta dos hábitats típicos das nosas rías, augas pouco profundas, marismas, esteiros e plaias, chegando incluso a adentrarse nos ríos. Pódese alimentar tanto de peixes e cefalópodos como de crustáceos que pode engulir enteiros baixo a auga ou fora desta no caso de ter que partir a súa presa.
 

Gregarias durante a muda, en primavera e outono e tamén durante a reprodución; solitarias no resto do ano no mar, cando recalan pasan o tempo durmindo, rascándose e vixiando os posibles depredadores. En outono e inverno poden pasar varias semanas na auga, alimentándose.
 

As principais ameazas da especie son a caza por parte dalgúns países, e as enfermedades, como a do moquillo que chegou a matar 20.000 exemplares nalgunha poboación e a do gripe que matou centos de exemplares en Nova Inglaterra.

O certo é que é un privilexo poder disfrutar dun exemplar adulto e aparentemente san desta especie por esta zona. 
 
Durante as máis de tres semanas que durou o seguimento deste exemplar tanto Juan Ignacio e Yosy (CEMMA-SGHN) como meu irmán e máis eu, puidemos comprobar a extraordinaria intelixencia coa que actúan estes animais; estos exemplartes adultos están curtidos en mil batallas e coñecen moi ben o ser humano, polo que que actúan en consecuencia coa máxima prudencia. 
Trais a apacible tranquilidade que este exemplar amosaba tirado ó sol e revolcándose na area escondiase unha vixiancia constante de todo canto acontecía o seu redor,
 
 
de tal maneira que o meu medo inicial de que puidera ser víctima dun trasmallo, dun golpe cunha lancha, quedar presa dun cabo, etc. foi desparecendo conforme pasaban os días e aprendía como actuaba.
Ante calquer situación anormal buscaba refuxio rapidamente na auga, para logo dun tempo sacar o fuciño e ollos fora desta e constatar que o perigo pasara,
 
 
tan só entón retornaba a súa terapia solar no lombo de area
 
Nunha ocasión mentres descansaba no seu lugar habitual, deu en xuntarse un grupiño de xente no muelle para mirala. Parece que este feito non foi do seu agrado e con calma deixouse caer na auga e marchou descansar a punta da barra donde sabía que naide a ía molestar, pola contra noutras ocasións non recelaba en buscar cangrexos polo interior do muelle ou pola Arnela donde sabía que a xente a ollaba.Chegou tamén a adentrarse ría arriba ata o muelle de San Fiz seguramente na procura de Cangrexas (Carcinus maenas)
 
Un caso curioso era o das gaivotas patiamarelas que parecían non entender que pintaba o animal ese polo seu territorio e non sabían moi ben como actuar ante a súa presenza.
 
Moita xente me ten preguntado por que tardaba tanto en facer unha entrada sobre este animal, a resposta e sinxela, unha por que son un vago para isto de redactar, e a outra, e máis importante, por precaución, igual en exceso, pero nestos temas sempre é mellor pecar de cauto e non o contrario.Ó longo destos anos foron bastantes os mamíferos mariños que apareceron polo Cantábrico e en moitos casos nos que o animal alcanzou un certo nivel mediático a cousa non acabou ben.Por ser sociables pensamos en focas e golfiños principalmente, como se fosen mascotas, unha idea tamén reforzada pola cantidade de mamíferos mariños que se ven nos acuarios  facendo as gracias para entreter a xente (todo un despropósito). Pero o certo é que ante todo, estos, son animais salvaxes, co perigo que iso conleva para nós e para o animal se non se gardan sempre as distancias axeitadas, o simple e inocente feito de tentar alimentar un animal deste tipo pode crearlle certa dependencia e a perda do respeto que a focas e golfiños deben ter coa xente, para evitar posibles conflictos. Temos como exemplo o famoso Gaspar, ese arroaz que paseou pola nosa costa totalmente deshinibido atraendo cantidade de espectadores os portos que frecuentaba, pero en realidade os xogos dun animal de 4 m e 600 kg acarrean certos riscos.
Acó un video de gaspar xogando no porto do Vicedo.
 
Nalgunha ocasión ten deixado algunha lancha sen goberno, ó arrimarse e empuxala en plena marcha ou bloquear o timón nos seus xogos, feito polo que estos animais poden chegar a ser vítimas de posibles represalias.
No caso das focas non é moi distinto, temos polas nosas costas casos dalgún exemplar que se deixaba facer fotos coa xente a carón dela, incluso tocándolle, unha terrible neglixencia se temos en conta o tamaño e dentadura destos animais, temos por Asturias tamén o caso dun exemplar que tras unha tempada pola costa e que por desgracia finalmente morreu de forma violenta…  
En resumo, que se pode desfrutar da inusual visita destos exemplares, pero sempre dende unha distancia prudencial e o máis importante recordar que se trata dun animal salvaxe e que como tal se debe tratar… respecto e prudencia.

Non me quero despedir sen agradecer a xente do porto do Barqueiro por teren avisado o CEMMA ante a aparición do animal, así como polo respeto amosado as semanas posteriores nas que a foca se deixou ver pola zona.

Tamén lle teño que agradecer a Juan Ignacio e a Yosy a dedicación e o entusiasmo co que durante tantos anos levan afrontando o seu traballo atendendo os animais que aparecen nas nosas costas e aprendéndonos ós que menos sabemos, todo o necesario para afrontar a aparición destos fermosos visitantes ocasionais. Se cadra un día chegan para quedarse na nosa terra, como parece que fixeron antano.

 

Sen moito máis que engadir despídome polo momento, rematadas as vacacións de verán nas que por falta de tempo só actualizo a páxina do facebook, espero agora manter de novo actualizado o blog. Un saúdo e moitas gracias por me ler.

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog