GARZALLADA

As garzas, maxestuosas e elegantes no seu andar á procura de comida, conseguen engaiolar a mirada de calquera que se arrime polos nosos humidais e, como xa dixen noutra ocasión, non queda máis remedio que controlarse á hora de fotografialas por que un non da parado, e o final  pesa máis o archivo das garzas que tódolos outros xuntos.
Poño baixo estas liñas unhas poucas fotos de tres especies deste fermoso grupo de aves, todas elas fotografiadas na Ría de Ortigueira.


Moi presente pola ría, a garza real (Ardea cinerea) que non por ser común deixa de ser un fermosísimo animal.
























 

Outra garza, esta menos habitual, é a garceta grande (Ardea alba), esta especie procedente do este de Europa era unha rareza ata non fai moito, pero parece que dende fai  anos se está a expandir polo oeste europeo, chegando a criar nalgúns puntos da península como no delta do Ebro ou  en Huesca, na laguna de Sariñena.
Este ano puiden ver un grupo de oito exemplares sobrevoando a Ría do Barqueiro, un exemplar polo xuncal de Esteiro (gracias a Víctor e a Sebito por avisar), é curiosa esta observación nun río baldío e tremendamente degradado pola acción dunha canteira de lousa (isto é conto para outra entrada), e finalmente un par de exemplares pola Ría de Ortigueira.

E xa para rematar este curto andar polo mundo dos ardeidos, a garceta común (Egretta garzetta), especie agora abundante, pero varios paxareiros me teñen dito que fai anos non era unha especie tan frecuente.
Esta especie semella moito máis nerviosa e inquieta que as anteriores, e a miúdo se aproveita da espectacular pesca colectiva que realizan os cormorás grandes para se facer con algún peixe dos que estes acurralan.

Xa para finalizar, este video onde se pode ollar a táctica de pesca que usa a garceta, aínda que polo título que lle puxen (a pesca da garceta) máis ben semella que ela é a pescada, en fin un erro máis da miña cabeciña.
Espero que este pequeno homenaxe a estas tres garzas fose do voso agrado, sen máis que engadir despídome polo momento, un saúdo e moitas gracias por me ler.
Entrada feita o 31 de xaneiro do 2012

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog