Ghrallas dos cantís

Este inverno, durante o paso migratorio das gaivotas escuras (Larus fuscus) cara o norte acerqueime día si e día tamén ás praias de Esteiro e Bares (Mañón) pra ler as anelas que algunhas gaivotas levan nas patas, e con elas unha interesante información sobre o seu lugar de procedencia, os seus movementos ao longo do ano etc, pero este é tema para outra entrada.
O asunto é que todos e cada un dos días ao chegar a plaia de Bares aparecían os dous protagonistas da entrada, unhos estridentes “kiarrr kiarrr” ao lonxe anunciaban a súa chegada e ao pouco xa estaban pousadas a carón.

Fermosas e elegantes cos seus peteiros encarnados, despreocupadas ante a presenza do tolo con telescopio que cada día atopaban mirando gaivotas, aínda as veces dende o chan pegaban un berro reclamando a atención, que sen dúbida merecían, e que finalmente conseguiron. 

Un par de Choias (Pyrrhocorax pyrrhocorax) Ghrallas, por esta zona, como me dí o Cobelo que lles chamaban cando dende o exterior da ría aparecían por ducias en grandes bandos e se pousaban nos campeiros recén rozados de San Fiz na procura de miñocas, saltós e outros bichos que soen centrar a súa dieta.

 

 

Por desgraza eses foron outros tempos e desos grandes bandos xa pouco queda, mermadas enormemente na nosa comarca, seguramente pola falta de habitats axeitados para se alimentar. 
A tal hora só anda un exemplar solitario polos cantís de Esteiro.

E estas dúas que frecuentan a praia de Bares.

Sempre din a estas dúas compañeiras por parella, pero visto que en 7-8 anos que levo mirandoas (supoño que serán as mesmas) nunca vin aumentar a familia nin aumentar os exemplares pola zona, igual é hora de pensar que os dous exemplares pertencen ao mesmo sexo.
Ogallá me equivocase pero coido que a especie está destinada a desaparecer dos cantís da comarca non sendo pola poboación da Capelada que coido que aínda goza de certa saúde.

Queda logo esta estradiña adicada a estas dúas que tanta compaña me teñen feito, polo que lles collín cariño, estaría ben contento se este ano deran en aparecer con tres ou catro retoños aínda que pra elo tiveran que ir mocear ata a Capelada.

Sen moito máis que engadir depídome polo momento, un saúdo e gracias a todos por me ler.

NOTA! cando xa tiña rematada esta entrada para publicar, chegoume unha mensaxe de Antonio Sandoval, fenomenal ornitólogo, xa case se pode decir que veciño de Bares polas horas que ten feitas na Estaca, no que me decía que acababa de ver 6 choias comendo tralo faro de Bares, sabía que me ía facer ilusión e non se trabucaba. Non as quixo molestar moito e non puido precisar se eran adultos, pero de todos xeitos é unha xenial noticia, se cadra o xermolo dun pequeno remonte da especie na zona, ogallá.
Mil gracias Toñete.

Entrada publicada o 9 de Xulio do 2012

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog