Listera ovata, por fin!

Esta singular especie foi citada na comarca por Sánchez Fernández  o 19-05-1992, (Nova acta científica compostelana Bioloxía, 9:125-158, 1999) e dende aquela ningunha noticia máis dela. A pesar de saber máis ou menos por donde fora atopada: “Ortigueira, entre dunas de Cavalar y marisma de Ladrido, comunidad de Festucal Juncus, en depresiones con higromorfía temporal” nin eu nin outros compañeiros fóramos quen de votarlle o ollo. Xa a daba por perdida un ano máis xa que a súa floración tiña que estar pra rematar, pero nun golpe de sorte, unha casualidade fixo que me metera nun pequeno monte de loureiros e eucaliptos, e alí agochada entre as hedras que tapizaban o chan  apareceu a pequerrechiña herba das dúas follas, a  Listera ovata.

Listera ovata (3)

Dende logo non concarda para nada a localización coa cita de S. Fernández, xa que estas nin sequera estaban no sistema dunar, polo que podería tratarse doutra colonia distinta.

Tan só dúas grandes follas das que nacía a súa vara floral, da cal penduran as pequenas flores de cor verde, moi discreta e sinxela, pero fermosa.

_DSC0978 (2)

A diferencia de outras orquídeas, esta especie non utiliza o engano visual para atraer os insectos polinizadores, de ahí as súas cores discretas, pola contra ofrece un apetitoso néctar que corre pola pequena acanaladura do seu labelo, e posiblemente un arrecendo similar as feromonas dalgún tipo de insecto, que fai que se acheguen ata flor presos do impulso reproductor.

Listera ovata (4)

Por desgracia a colonia ten unhas dimensións mínimas, tan só 4 pes  manteñen a esperanza de que esta especie non desapareza do Ortegal e merme a xa escasa poboación desta singular orquidea en Galicia, da que só se coñecen en torno a 5 colonias, e algunha delas tamén con moi escaso número de exemplares. Compre protexelas pois con cada retallo de natureza que desaparece dos nosos montes, pérdese tamén parte do noso valioso patrimonio, neste caso, natural.

Sen moito máis que engadir despídome polo momento, moitas gracias por me ler.

 

Notas posteriores a entrada:

En efecto, despois de consultar a localización exacta da colonia citada no ano 1992, esta colonia é outra, situada a unhos 300 metros da anterior.

No ano 2015 non floreceu ningún exemplar, e a zona está fozada do xabarín. Da colonia citada no ano 1992 tampouco se atopou ningún exemplar (Aínda que compre mirala máis polo miúdo)

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog