Pois por acó andamos de novo, nesta ocasión dándolle unha volta á Ría do Barqueiro, á que aínda nunca lle adicara unha entrada.
A pesares de que pra moita xente esta é unha das rías máis fermosas de toda Galicia, parece que a tal hora non é unha ría moi apetecible para as aves na súa invernada. Non sei se é debido á falta de comida, hábitats axeitados, pouco abrigo ós ventos do norte e nordés, ou simplemente que os páxaros saben que voando un chisco máis están na ría de Ortigueira… esta si que lles cadra, nin idea, pero o certo é que preguntando á xente maior, sempre me comentan que antano había grandes bandadas de mazaricos, agullas, espátulas, garzas, parrulos…
Do que non hai dúbida é que a ría foise modificando moito co paso dos anos, uns vótanlle a culpa a creación da ponte nova outros a creación do porto do vicedo e outros simplemente a un proceso natural, o caso é que os cambios son importantes; a praia de Area Longa tragouse moitos metros de costa, o taro das navallas, esa gran lingua de area que aparece na ría na baixamar incrementou moi notablemente a súa altura, o que parece que puido finiquitar un dos máis importantes bancos de coquina da nosa terra, e o canal polo que antano subían importantes lanchós cargar madeira e barro, agora carece de calado pra unha pequena lancha.
Tal vez algún de estos cambios propiciaran a merma de moitas especies invernantes na ría, pero en realidade non teño nin idea.
A pesares de todo isto, a ría foi acollendo sempre con números discretos, algúnha que outra especie ó longo do inverno, ás que lles quería dar un repasiño nesta entrada.
Algunhas especies non as dín retratado dentro da ría, polo que recurrín a fotos que teño quitadas noutros lugares para ilustrar a entrada.
Antes do inverno, aló polo 15 de Xunio recibimos a breve visita de catro cisnes comúns (Cygnus olor), escapados dalgún parque e que días antes andiveran pola ría de Viveiro. Durante o día andiveron pola praia da Arnela e o caer a noite quedaban tumbados na area do taro, frete o muelle do Barqueiro.
Unha aguia pescadora (Pandion haliaetus) que observei por primeira vez o 25 de Outubro e que estivo pola ría polo menos ata o día 10 de Novembro.
Umha gozada ver pescar este animal…
Tres mazaricos trinadores (Numenius phaeopus) pasaron o inverno entre o porto do Barqueiro e o do Vicedo. Espalladas ó longo do inverno algunha que outra observación de 2,4,2 e 5 exemplares, en todas as ocasións á altura do muelle de San Fiz pero na ribeira oposta.
Tamén apareceu unha mobella grande (Gavia immer) o día 22 de febreiro, frente a torreta do Barqueiro a única que puiden observar en todo o inverno na ría.
Unha especie que si está ben representada na ría é o picapeixe común (Alcedo atthis), presente polo menos dende a torreta ata as Ribeiras do Sor e moi doados de ollar revisando as perchas nas que adoitan pescar, tamén fácil de escoitar o seu particular canto cando saen voando.
Se de limícolas anda escasa a ría de parrulos non anda moito mellor e só un grupo de azulós (Anas platyrhynchos) pasou o inverno entre o porto de San Fiz e a illa de San Martiño, 52 é o número máis elevado que contei e ningún día menos de 45.
Algún exemplar soe quedar a críar na zona, e a tal hora solense ver 7-8 exemplares
Varios araxos como lles chamamos polo Barqueiro ós aros (Uria aalge) e as alcas (Alca torda) apareceron espallados por toda a ría o longo do inverno.
Andivo un charrán patinegro (Thalasseus sandvicensis) todo o inverno pola ría, uns días polo porto do Vicedo e outros pousado nas boias da praia de Bares a tal hora xa son 7 ou 8 os que se poden ver pola ría.
A primeiros de ano tamén andaban pola ría un bon número de impoñentes e poderosos gaviotóns comúns (Larus marinus) 17 entre o taro das navallas e o porto do Vicedo. A tal hora moitos xa marcharon rumbo o norte, entre 3-4 exemplares son os que se soen ver agora pola ría.
(Taro das navallas)
O día 6 de Xaneiro Ricardo Hevia atopaba polo muelle do Vicedo unha gaivota cáspica (Larus cachinnans) desta especie non hai ficha na quía da SEO/birdlife que sempre enlazo, xa que non hai moito que está considerada como especie propia, é típica do Este de Europa e Asia central, recentemente parece estarse a extender cara o Oeste aparecendo como visitante moi regular nas costas do Báltico e do Norte de Europa
foto de Ricardo no porto do Vicedo(Digiscoping)
O mesmo día observou unha gaivota hiperbórea (Larus hyperboreus)
Esta última, trala observación, voou cara fora da ría, pero a cáspica continuou entre o porto de Vicedo e a praia de Bares ata o 2 de Febreiro, que foi a última vez que a observei.
O día 27 de Xaneiro aparecía pola praia de Esteiro (O Barqueiro) unha gaivota hiperbórea, o día seguinte Toño Salazar relocalizouna no porto do Vicedo, ficou na ría compartindo coa cáspica o porto do Vicedo e a praia de Bares polo menos ata o 2 deFebreiro, o último día que observei tanto a cáspica como a hiperbórea.
Sin Comentarios
Fai o primeiro comentario.