SPHINGIDAE

SPHINGIDAE

Bueno, despois dunha tempada na que apenas fixen entradas xa lle tocaba. Estos meses como quen non quere a cousa, metinme un pouco no mundo dos lepidópteros (bolboretas), especialmente nos de voo nocturno (Heteróceros), ou sexa avelaiñas de toda a vida. Non sei, tal vez atraído pola tranquilidade da noite e a singularidade da fauna que a tales horas campea, chotacabras e morcegos atareados na captura de insectos, curuxas cazando e berrando, unha xineta que cruza, un teixudo fozando, e un importante etc de animais que se deixan ver con facilidade ó amparo da noite, pero moi difíciles de fotografiar polo que só queda estarse quieto e disfrutar da súa rutina. Non sei que pensarán os veciños o verme gabear por farolas ou tirarme no chan quitando fotos a altas horas da madrugada, pero bueno… como moito chamarán a garda civil0 non?

Quero agradecer ó grupo no Flikr de “bolboretas galegas” todo o traballo que levan feito na identificación de gran parte das bolboretas que teño fotografiado, especialmente nas abelaíñas, as cales vos poido asegurar que non é tarefa sinxela. Os datos recollidos neste grupo serán utilizados nun Atlas de distribución de lepidópteros galegos, moi importante para que todos poidamos saber das especies e a distribución deste grupo na nosa terra.

Para esta entrada elexín unha das familias de lepidópteros que máis me impresiona, os esfínxidos.
Reciben este nome a causa do comportamento que adoptan as eirugas o ser molestadas, erguendo cabeza e torax asemellandose a unha esfinxe. Polo xeral son bolboretas fortes e moi veloces, algunhas de gran tamaño e cun deseño incriblemente aerodiámico, o que lles permite facer longas migracións.
A maioría destas especies son de voo nocturno ou crepuscular, aínda que tamén as hai de costumes diurnas. Posúen unha escepcional espiritrompa, o que os fai unhos excelentes polinizadores, coa importante función ecolóxica que iso conleva.
Descoñezo cantas especies podemos atopar na bisbarra, pero polo momento estas son a que atopei o longo deste ano, todas elas fotografiadas no concello de Mañón.

Esta primeira é a esfinxe colibrí (Macroglossum stellatarum) de costumes diurnas e que recibe o seu nome da súa peculiar forma de libar o néctar das flores, manténdose parada no aire coma se dun colibrí se tratase, batendo as ás  85 veces por segundo e podendo desprazarse a 60 km/h. É unha especie migratoria que soe desprazarse cara o norte chegando a alcanzar as zonas polares. É especie moi común na zona, que ten dúas xeracións por ano. Ten unha lonxitude de ata 45mm.
As plantas nutricias das eirugas son o callaleite (Galium verum) o  Galium mollugo e a rubia (Rubia peregrina).foto de eiruga da galería de fotonatura.

Outra especie que aperece pola bisbarra e a esfinxe abellón de orla ancha (Hemaris fuciformis),
voa como a especie anterior durante o día alimentándose do mesmo xeito, gustando de montes abertos e lindeiros de monte. A planta nutricia pola que ten gran preferencia é a madreselva (Lonicera periclymenum). É unha especie moito menos común na zona que a anterior, e soe ter só unha xeración por ano. Ten unha lonxitude máxima de 35mm.foto da eiruga en wikipedia

Pasando xa as de hábitos nocturnos, atopamos verdadeiros xigantes  que causan certa impresión cando pasan cerca voando, un destos xigantes, é a esfinxe do aligustre (Sphinx ligustri).

Esta especie que pode acadar os 120mm de lonxitude. Está ampliamente distribuída pola península, e ten unha soa xeración por ano. Ten como prantas nutricias diversas especies de árbores e arbustos como poden ser o aligustre (Ligustrum vulgare) o freixo (Fraxinus excelsior) e o bieiteiro(Sambucus nigra)Aquí a eiruga en learnaboutbutterflies.com

Outra especie nocturna de gran tamaño e a esfinxe da correhuela (Agrius convolvuli)  de ata 110 mm de lonxitude e que está distribuida polo Sur de Europa e África dende donde migra cara o Norte. Habita nos campos onde medra a pranta da cal se alimenta, distintas especies correhuela(Convulvulus sp.)A eiruga en naturamediterraneo.com

Desta outra especie so puiden fotografiar a eiruga, o imago parece que de momento resístese a aparecer. Trátase da esfinxe das leiterenas (Hyles euphorbiae)acó a foto da bolboreta na wikipedia

Aparece en campos de cultivos, baldíos e costas, ten por pranta nutricia distintas especies deleiterenas (Euphorbia sp). Antano especie fácil de atopar, en especial as súas eirugas nasleiterenas da praia (Euphorbia paralias), na actualidade é unha especie que está a desaparecer de moitos lugares ata o punto de verse só como visitante en moitos puntos de Europa. Dende logo a abundancia de eirugas nos areais non é a de antano. Esta especie pode acadar os 80mm de lonxitude.

O penúltimo dos meus rexistros fotográficos é para un dos esfinxidos que máis me sorprendeu pola súa rechamante cor, que destaca moi fortemente sobre os fondos escuros do axexo, durante o cal se move. trátase da esfinxe maior de vide (Deilephila elpenor) 

Na imaxe superior queda ben claro o deseño aerodinámico destas abelaiñas.
Ten unha envergadura de entre 45 e 60 mm, que soe ter unha soa xeración o ano, aliméntase de gran diversidade de prantas entre as que se atopan o galio ou callaleite (Galium sp), a vide(Vitis vinífera), adelfilla (Epilobium sp), etc.

 

Xa para finalizar a entrada, falar do que tal vez sexa o esfínxido que máis lendas e supersticións ten o seu redor. Trátase da esfinxe da morte ou esfinxe calavera (Acherontia atropos) a  natureza quixo dotar a esta especie, ademáis dun corpo negro e amarelento, dun debuxo similar a unha calavera humana no seu tórax, o que a condeou a estar sempre ligada a malos augurios na literatura popular, e así quedou reflexado no seu nome científico, Átropos (Ἄτροπος) na mitoloxía grega, era a maior das tres Moiras, ela era que remataba coa vida de cada mortal, cortando o fío da vida coas súas terribles tixeiras. Tamén se popularizou por aparecer na película “El silencio de los corderos” e no corto “un perro andaluz”

Esta avelaíña pode acadar a impoñente embergadura de 130mm. Vive en África dende donde migra cada ano cara o Norte, ós lugares propicios para relizar unha xeración estiva. Parece que nalgúns puntos de España pode sobrevivir na crisálida ó inverno, emerxendo o imago na primaveira seguinte.
Á súa eiruga é polífaga aínda que ten preferencia polas solanáceas en especial, polas patacas.
Premendo acó a súa eiruga.

A esfinxe calavera e capaz de emitir un curioso “chillido” cando é molestada, tamén perece sentirse atraída polo aroma da mel, chegando a entrar nas colmeas, aínda que isto, en ocasións ten consecuencias fatales para ela.

Fai anos era común atopar a eiruga ou a crisálida cando se apañaban as patacas, e recibían, polo menos na miña casa o nome de alacrás, por desgracia matábanse co raño porque comían as patacas.

Nin que decir ten que as especies anteriormente citadas están a disminuir, algunhas de forma drástica, entre outras cousas pola aparición de pesticidas e plaguicidas, algúns considerados ecolóxicos, como pode ser o Bacillus thuringiensis. Ó meu parecer plaguicidas e ecolóxico son dúas palabras que nunca poden ir xuntas, a única maneira de evitar unha praga é mantendo un bó equilibrio ecolóxico e renunciando ós monocultivos. Uns poucos anos sen botar trapalladas a horta, e apareceran infinidade de depredadores dispostos a controlar esas pragas.

Aquí remato esta entrada, sen moito máis que engadir, despídome polo momento un saúdo e moitas gracias por me ler.

Entrada feita o 9 de setembro do 2012

Sin Comentarios

Fai o primeiro comentario.

Deixa un comentario

Introduza o seu nome. Introduza un email. Introduza o comentario.

Etiquetas Blog